Cuestión
Reclamación de responsabilidade patrimonialResumen
Reclamación de responsabilidade patrimonial interposta por don M. F. V., por lle indicar como diagnóstico definitivo atrofia do nervio óptico, atopando na medicina privada novas posibilidades de tratamento.Organismo: Consellería de Sanidade (Xunta de Galicia).
Letrado: López Guizán
Propuesta: Desestimatoria
Conclusion: Favorable
Relator: De la Torre Nieto
Contestacion
ANTECEDENTES
1.- Con data do 18.5.2004, don M. F. V. interpón ante o Servizo Galego de Saúde reclamación de responsabilidade patrimonial.
A parte alega que en novembro do ano 1997 foi enviado ao Servizo de Oftalmoloxíado Hospital Xeral de Vigo por presentar focos
de coroidite circinada en zonas superior e inferior da retina do ollo dereito. Dous anos despois, engade, o día 17.10.1999
acudiu por Urxencias por presentar hemorraxia vítrea e gran opacidade vítrea no ollo dereito, diagnosticándoselle máis tarde
unha hipertensión ocular que foi refractaria ó tratamento médico e precisou intervención cirúrxica con data do 16.7.2001.
Posteriormente, continúa o relatorio de feitos, desenvolveu unha catarata que foi intervida cirurxicamente o día 28.1.2004.
Apunta o reclamante que por aquel tempo presentaba unha agudeza visual de luz polo ollo dereito, polo que acudiu en marzo
de 2004 a consulta da doutora B. T., quen lle aconsellou consultar con especialista en vítreo e retina. É así que o señor
F. V. acude de novo ó Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Xeral, onde lle comunican que tódalas posibilidades médicas e cirúrxicas
están esgotadas, ante a atrofia do nervio óptico e a ausencia de potencial evocado no ollo.
Nesta situación, aduce o señor F. V. que acudiu ó Centro Oftalmolóxico M. con data do 29.3.3004, onde, pese ó diagnóstico
do Hospital Xeral de Vigo, lle aconsellan a práctica dunha trabeculectomía no ollo dereito, constatando así que, contra o
sinalado na sanidade pública, as posibilidades de tratamento non estaban esgotadas.
Desta exposición de feitos se desprende, segundo o reclamante, que a actuación do Servizo de Oftalmoloxía do Xeral repercutiu
claramente en prexuízo do paciente, xa que si non tivese acudido á medicina privada en busca dunha segunda opinión, tería
perdido a oportunidade de abrir novos cauces de tratamento e, polo tanto, de experimentar melloría na súa doenza.
Atendendo a todo o exposto, se solicita unha indemnización de 52.840 ?, desglosada nos seguintes conceptos:
- 37.840 ?, polos danos persoais, e
- 15.000 ?, pola incapacidade para desenvolve-la súa actividade laboral por mor da doenza ocular que padece.
2.- Na instrución do expediente incorporáronse ó expediente, entre outros, os seguintes documentos:
- Copia da historia clínica do paciente,
- Informe do Servizo de Oftalmoloxía do C. H. Xeral-Cíes de Vigo, de data do 23.3.2004.
- Informe da doutora B. T., de data do 18.3.2004, e
- Informe do Centro Oftalmolóxico M., de data do 23.3.2004.
3.- Con data do 4.10.2004 deuse trámite de audiencia ó reclamante, que non formulou alegacións.
4.- Con data do 15.12.2004 formulouse proposta de resolución en sentido desestimatorio da reclamación presentada.
5.- O expediente de razón foi remitido, para preceptivo ditame deste Consello Consultivo de Galicia, polo Excmo. Sr. presidente
da Xunta de Galicia, tendo entrada neste organismo o día doce de abril de dous mil cinco..
6.- Os demais antecedentes dedúcense do contido do ditame.
CONSIDERACIÓNS
Primeira.-
O Consello Consultivo de Galicia é competente para coñecer do expediente de razón, con base no previsto no artigo 11, j) da
Lei de Galicia 9/1995, do 10 de novembro, e 10 e 17.1, e) do seu regulamento, aprobado polo Decreto 282/2003, do 22 de maio,
por tratarse dunha reclamación de responsabilidade patrimonial das administracións públicas.
Segunda.-
As reclamacións de responsabilidade patrimonial haberán de instruírse e resolverse conforme ós trámites previstos nos artigos
139 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo
común (en adiante LRXPAC), e no Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, tal e como se desprende do establecido na disposición
adicional duodécima do primeiro texto citado, novamente redactado pola Lei 4/1999.
Así, no que ó presente expediente se refire, cómpre dicir que as esixencias de orde procedimental, en xeral, foron cumpridas,
sobre todo o esencial trámite de audiencia que permite ó interesado exercita-las súas posibilidades de defensa no procedemento
administrativo.
Terceira.-
Como se sabe é reiterada a doutrina e a xurisprudencia que, partindo de que os artigos 139 e seguintes da LRXPAC, inspíranse
no principio de responsabilidade obxectiva, considera como elemento esencial, que non único, para que a reclamación de responsabilidade
patrimonial da Administración prospere, a existencia dun nexo causal directo e inmediato entre a actuación da Administración
e a lesión producida. O dito nexo debe ser exclusivo sen interferencias estrañas de terceiros ou do lesionado. Por outra parte
para que a lesión poida ser resarcible, ten que demostrarse a efectiva realización dun dano, que haberá de ser avaliable economicamente
e individualizado en relación cunha persoa ou grupo de persoas. En definitiva, para que a responsabilidade se faga efectiva,
esíxese a proba duna causa concreta que determine o dano e a conexión entre a actuación administrativa e o dano real ocasionado.
De maneira particularizada, no que concirne á responsabilidade da Administración no ámbito sanitario, por este Consello Consultivo
con ocasión de diferentes pronunciamentos (entre outros o ditame núm. 218/99), concretáronse as modulacións ás que está sometida
con relación ó sistema xeral de responsabilidade noutras esferas de actuación pública, bastando recordar neste momento, que
con respecto a este existen certas variacións en canto ós requisitos precisos para poder esixila, fundados en postulados tales
como o que determina que a asistencia sanitaria é unha prestación de medios e non de resultado, o que predica a necesidade
e correlativa esixencia de que a actuación médica se desenvolva conforme á denominada lex artis ad hoc, ou aqueloutra, que sinala o dereito dos pacientes a obter cumprida información sobre o seu proceso curativo e, en relación
con esta, a necesidade do consentimento que deben prestar con ocasión do acto cirúrxico.
Cuarta.-
Tendo en conta os elementos técnicos que se acaban de describir e pasando a examinar o fondo da reclamación presentada, hai
que sinalar que de acordo coas previsións do artigo 12.2 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, resulta preciso determinar
neste ditame se existe, no caso que se nos presenta a exame, relación de causalidade entre o funcionamento do servizo e a
lesión aducida e, eventualmente, haberá de facerse a oportuna valoración do prexuízo, e a contía da indemnización e o modo
de facela efectiva. Noutras palabras, trátase de dilucidar se concorren os presupostos para a imputación, en réxime obxectivo,
desa responsabilidade por normal ou anormal funcionamento do servizo público.
Deste xeito, na análise das cuestións que o interesado suscita no seu escrito de reclamación, obsérvase que este, logo de
facer o relato secuencial dos feitos nos que funda a súa reclamación, nos termos xa recollidos nos antecedentes, imputa aos
servizos médicos o feito de dar por esgotadas as posibilidades de tratamento da súa doenza, sendo que, apunta o reclamante,
non era así, polo que entende sufríu unha perda de oportunidade á hora de experimentar unha melloría na enfermidade que padece.
Pois ben, a veracidade destas imputacións que sustentan a reclamación interposta esixe, en todo caso, unha análise da historia
clínica e informes obrantes neste expediente, por canto, como ten sinalado este Consello Consultivo (entre outros, o CCG 101/02),
son estes informes os que deben conter as valoracións técnicas, limitándose este órgano á súa subsunción en categorías xurídicas.
Neste sentido, da documentación incorporada ao expediente resulta que o señor F. V. en novembro do ano 1997 é enviado ó Servizo
de Oftalmoloxía do Hospital Xeral-Cíes de Vigo por presentar focos de coroidite circinada en zonas superior e inferior da
retina do ollo dereito.
Posteriormente, con data do 17.11.1999 acude a Urxencias, por presentar hemorraxia vítrea e gran opacidade vítrea no mesmo
ollo dereito, diagnosticándoselle hipertensión ocular, tal e como se constata na historia clínica incorporada ao expediente.
Esta hipertensión ocular, sinala o informe do Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Xeral-Cíes, ?fue refractaria al tratamiento?,
necesitando así intervención cirúrxica que tivo lugar con data do 16.7.2001, e que consistiu na práctica dunha trabeculectomía.
Tras esta intervención, o paciente desenvolveu unha catarata no ollo dereito que precisou outra intervención con data do 28.1.2004,
consistente en facoemulsificación e implante de lente de C.P. plegable, sinalando o informe de Oftalmoloxía, de data do 23.3.2004,
que ?en estos momentos presenta una agudeza visual de luz por dicho ojo; estando agotadas todas las posibilidades tanto médicas
como quirúrgicas dada la atrofia de nervio óptico y la ausencia de potencial evocado en dicho ojo?.
Ante esta situación, o reclamante acude á consulta da doutora B. T. que constata a vitreite severa con hemorraxia en retina
inferior no ollo dereito do paciente, engadindo que ?aunque las esperanzas de mejoría son reducidas, dado el estadio del proceso,
sería prudente consultar con un especialista en vítreo y retina, por si hubiera alguna posibilidad de mejoría mediante otras
pautas de trato y cirugía intravítrea?. Deste xeito, con data do 29.3.2004, o señor F. V. acude ao Centro Oftalmolóxico M.
onde, como se recolle no seu informe médico, se examina o fondo de ollo do paciente, se aconsella manter o tratamento antihipertensivo,
sinalando que ?en caso de persistir hipertensión ocular en O.D., se aconseja trabeculectomía más antimetabolitos en el O.D.?.
Pois ben, desta afirmación do Centro Oftalmolóxico M., deduce o reclamante que a súa doenza ten posibilidades de curación,
ou, cando menos, melloría; posibilidades, engade, que se lle terían negado na medicina pública, á vista do último informe
do xefe do servizo que entendeu que as posibilidades de superar a patoloxía estaban esgotadas.
Non obstante, da lectura deste informe do Centro Oftalmolóxico M. non pode extraerse unha conclusión tal; de feito, o informe
sinala a necesidade de manter o tratamento antihipertensivo que lle pautaran ao señor F. na sanidade pública, e só si fracasa,
e sobre a base dunha suposición de futuro valorable no seu momento, se aconsella trabeculectomía con antimetabolitos. Polo
tanto, no informe de referencia non hai indicación curativa, nin sequera se establece a certeza definitiva dese último remedio
cirúrxico, de xeito que, ao non establecerse un diagnóstico distinto nin desvirtuarse a conclusión da atrofia do nervio óptico
ou da ausencia de potencial evocado, o parecer do Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Xeral-Cíes non resulta contradito. A
medicina privada apunta simplemente unha posibilidade futura, xa que non establece ningún xuízo de valor acerca da bondade
dos resultados, máis nun caso de ?esperanzas reducidas? tal e como pon de manifestó informe da doutora B. T.
Nestes termos, é forzoso concluír que non existe perda de oportunidade ningunha, sendo a pretensión do actor absolutamente
especulativa xa que pretende argumentar un dano certo e concreto que en absoluto acredita. Asi mesmo, cómpre destacar que
a opinión do Servizo de Oftalmoloxía do C. H. Xeral-Cíes e a da medicina privada tiveron lugar cun intervalo de seis días,
breve lapso temporal que impide a existencia da pretendida perda de oportunidade, cuxa base de fundamentación radicaría en
que a medicina privada tivese aplicado algunha solución exitosa previamente denegada no servizo público de saúde, ou cando
menos, que existise unha base de xuízo certo sobre a técnica a aplicar polos servizos sanitarios privados.
A falta de todos estes elementos, a pretensión do actor non cumpre os requisitos dun dano antixurídico, certo e avaliable
economicamente por canto, como se reflicte nos distintos informes médicos, tanto a medicina pública como a privada coinciden
nunha situación de expectativa á vista da evolución que siga a enfermidade; por outra parte, en modo algún aparece desvirtuado
o diagnóstico de atrofia do nervio óptico e ausencia de potencial evocado, e doutra, a historia clínica evidencia que o reclamante
está sometido a un tratamento farmacolóxico baixo a preceptiva supervisión médica, polo que non pode concluirse que a sanidade
pública teña abandoado o control do paciente.
As especulacións sobre hipóteses futuras no tocante á evolución da patoloxía, aínda no suposto, que non se dá, de que existira
unha relativa discrepancia entre os informes do xefe de servizo e do centro oftalmolóxico privado, non son transcendentes
aos efectos que agora interesan, pois resulta obvio que tales argumentacións nin xustifican nin configuran un suposto de perda
de oportunidade, que necesariemente implica un xuízo de ponderación anticipados de verosimilitude sobre certos resultados
tanxibles na superación da patoloxía, nin serven de fundamento a unha pretensión de responsabilidade patrimonial por ausencia
de dano antixurídico.
De aí que, a xuízo deste Consello Consultivo, a reclamación presentada deba ser desestimada, tal e como propugna a proposta
de resolución remitida.
CONCLUSIÓN
Por todo o anteriormente exposto, a Sección Primeira do Consello Consultivo de Galicia, por unanimidade de tódolos seus membros
ditamina:
?Que informa favorablemente a proposta de resolución á que o presente expediente se refire?.
LIBROS Y CURSOS RELACIONADOS

Regímenes y sistemas especiales de la Seguridad Social. Paso a paso
Dpto. Documentación Iberley
14.50€
13.78€
+ Información


El consentimiento informado como garantía del principio de la autonomía del paciente
Marta Joanna Gesinska*
21.25€
20.19€
+ Información

Conceptos de Derecho administrativo para opositores
Puente Nueva Sánchez, Francisco Javier
12.75€
12.11€
+ Información

Métodos y prácticas de innovación docente universitaria en el Siglo XXI
Fernando Gil González
7.60€
7.22€
+ Información
3,81